Institución privada de fomento da creación literaria; 1863 foi, á vez, o ano da construción do edificio que a alberga e o do histórico Rexurdimento literario galego
Un apartamento mariñeiro de 1863, pero con todas as comodidades e un coidado deseño, alberga estadías –tipicamente de catro semanas– nas que o autor ou autora pode profundar na súa obra de escrita creativa, combinando a introspectiva concentración no seu traballo coa eventual inmersión na rica e estimulante vida cultural, paisaxística e humana da cidade herculina.
A residencia consiste nun apartamento histórico de 70 m2 e uso individual. Consta de sala de estar e espazo de traballo, unha biblioteca, cociña, baño e dormitorio, así como dun balcón con vistas á dársena coruñesa. En fronte da Biblioteca Provincial e do Teatro Rosalía de Castro, todo no seu seo está pensado para favorecer o traballo creativo.
En Galicia e España son aínda moi contados os apoios á literatura no seu proceso creativo. Existen premios que se outorgan unha vez que o esforzo individual foi realizado polo autor/a sen axuda, nunha autoxestión que con frecuencia rouba horas ao tempo do lecer, ao do descanso ou ao dedicado á familia.
Un cambio de paradigma debera vir a partir dun apoio aos escritores e escritoras non xa só a posteriori, senón durante a fase de xestación: fornecer do espazo, o tempo e as condicións para que podan desenvolver a súa obra de creación.
Unha Residencia é así unha bolsa de osíxeno, unha paréntese e un respiro para poder afastarse das obrigas e distraccións diarias e concentrarse na escrita de creación. Sentirse autor/a as 24 horas do día beneficiándose ademais dun lugar tan despexado de cargas simbólicas coma unha tabulla rasa. Tamén dun espazo estimulante, receptivo e proclive que nos afaste das familiariades, teimas e rutinas da nosa zona de confort creativo.
Sabedora da inspirada fecundidade que poden alcanzar as estadías en residencia como autoras tamén é, Yolanda Castaño lanzouse en solitario ao que é o proxecto da súa vida. E fundou, sen axudas públicas nin privadas e capitalizando toda a súa bagaxe a nivel de contactos internacionais, experiencias como autora en residencia en varios continentes, traxectoria como xestora cultural e recursos económicos persoais, a Residencia Literaria 1863 na cidade na que reside dende hai varias décadas: A Coruña.
Para iso, adquiriu e renovou un apartamento mariñeiro do século XIX situado no corazón da cidade, nunha reforma comandada polo estudio arquitectónico Hábitat Social Cooperativa Galega. A reforma mantén elementos da arquitectura tradicional galega (coma os muros centenarios de granito e o teito de castaño) con todas as comodidades e tecnoloxía da modernidade. Dende unha das principais e máis fermosas rúas peonís do casco histórico, o espazo mira á dársena coruñesa e todo nel está enfocado á concentración e o traballo creativo.
Dende entón, narradoras e poetas, tradutores, dramaturgas e autores de non ficción de Europa, Asia e América teñen concibido novas obras dende dentro dos seus muros centenarios.
Tamén foi o ano no que Rosalía de Castro –figura estandarte da Literatura Galega– publicou a súa senlleira obra “Cantares Gallegos”, que data así o auténtico renacemento da cultura galega moderna. Un Rexurdimento inspirador para unha entidade que se encontra na mesma rúa á que podemos vencellar a Emilia Pardo Bazán, as Irmandades da Fala, a orixinaria Real Academia Galega, o propio fogar temporal de Rosalía de Castro e Murguía ou a primeira mostra pictórica dun adolescente Pablo Picasso.
Dende todos eles e elas, ata as mans do xeorxiano Iva Pezuashvili mentras redactaban –entre as nosas paredes– a novela que gañaría o Premio Unión Europea de Literatura 2022, trázase unha liña que, con humildade pero tamén tesón e entusiasmo, aspirariamos a continuar.
A poeta e xestora cultural Yolanda Castaño, con case tres décadas dedicadas á promoción cultural arredor da palabra, fundou e dirixe a Residencia Literara 1863.
Constituíndo un dos nomes máis populares e internacionais da poesía galega actual, Castaño coordina –dende 2009– varios proxectos estables, sempre con poetas galegos e internacionais:
Polo primeiro deles recibiu o Premio da Crítica de Galicia 2014 e o Premio Follas Novas do Libro Galego 2022 á Mellor Iniciativa Cultural.
Premio Rodolfo Prada igualmente en Xestión Cultural, Castaño ten desenvolvido outras moitas propostas para a Xunta de Galicia, Concellos da Coruña, Pontevedra, Allariz ou Ribadeo; Fundacións Abanca, Luís Seoane, Vicente Risco, Camilo José Cela ou Sargadelos.
Como poeta, ten ofrecido mostras do seu traballo literario en máis de corenta países de Europa, América, Asia e África, foi traducida a máis de trinta linguas e recibiu bolsas en residencia no Writers and Translators’ Centre of Rhodes (Grecia), na Villa Waldberta (Múnich), no HIP-Beijing (China), no Castelo de Hawthornden (Escocia), na Fundación Valparaíso (Andalucía), na Residencia Saari (Finlandia), na Fundación Uxío Novoneyra e Pazo de Tor (Lugo – Galicia) e na Dorland Arts Colony (California).
Polos seus ata agora oito poemarios individuais publicados (con edicións bilingües galego-castelán editadas por Visor para o resto de España e Latinoamérica) recibiu galardóns coma o Premio da Crítica Española, o Ojo Crítico ao mellor poemario publicado por un autor/a novo en España, o Espiral Maior, o Fundación Novacaixagalicia, o González- Garcés, o Premio Estandarte ao Mellor Poemario publicado en España ou o Irmandade do Libro como “Autora do Ano” para as Librerías de Galicia.
Na súa bibliografía constan tamén obras como editora, estudosa da poesía galega, biógrafa de poetas, autora de poesía para nenos/as e tradutora de poetas contemporáneos/as, e desenvolve multitude de experiencias que mesturan poesía con música, artes plásticas, audiovisual, arquitectura, cómic, cine en 360o e ata gastronomía.
Algunhas persoas relacionadas co mundo da escrita e do libro que apoian o proxecto da Residencia Literaria 1863:
A Residencia Literaria 1863 está vestida dalgunhas pezas de arte visual –especialmente galega e coruñesa– como gravados, pinturas, serigrafías e fotografías, capaces de dotar dun maior contexto cultural e dun suxestivo estímulo ás autoras e autores en residencia.
Cómplices xenerosos co noso impulso ao traballo creativo real, tomado durante o propio proceso de produción, algúns artistas coruñeses teñen doado obras para que enriquezan este proxecto e estas instalacións, grazas a eles, aínda máis inspiradoras. Trátase por exemplo dos coruñeses Manuel Suárez ou Roberto Díaz.
Ademais, a nosa residencia ten eventualmente albergado recitais dende o balcón, concertos íntimos no seu salón ou outras propostas relacionadas ou baseadas na música.