Residencias

Un privilexiado entorno, tranquilo e inspirador, con vistas á baía e con todas as comodidades do centro histórico coruñés ao alcance da man.

Funcionamento

Iniciativa privada dunha poeta individual, a Residencia Literaria 1863 establece acordos con entidades públicas e privadas destinadas á promoción da escrita creativa en xeral ou da literatura dos seus países en concreto.

Estas, patrocinan as estadías de habitualmente un mes no noso retiro para escritores/as da cidade da Coruña.

En colaboración con elas, adoitamos lanzar convocatorias en concorrencia competitiva para recoller proxectos de creación literaria candidatos a se desenvolver no noso centro. As candidaturas adoitan incluir: memoria do proxecto que se pensa desenvolver durante a residencia, CV ou biobibliografía, mostra de traballos anteriores e carta de motivación.

Sen que a dirección da nosa residencia literaria participe nos mesmos, créanse comités de avaliación con persoas de recoñecido prestixio no mundo das letras. Estas dirimen e seleccionan o proxecto merecedor da oportunidade en residencia.

Ademais do aloxamento (con auga, luz, wifi, electrodomésticos, servizo de limpeza e recollida no aeroporto), as bolsas adoitan incluír o desprazamento ata A Coruña e dietas para gastos básicos (manutención) durante o mes de residencia.

Próxima a un dos mellores e máis xenuínos mercados de abastos da cidade, os beneficiarios/as poden cociñar na propia cociña da residencia, ou visitar os moitos restaurantes ou bares de tapas que a circundan.

Ademais, establecemos pequenas alianzas con institucións, entidades e proxectos presentes na nosa cidade para que acollan os nosos residentes dalgún xeito un tanto especial. Por iso son adoito convidados/as ao teatro, concertos, museos, presentacións de libros, charlas ou recitais.

Se así o desexan, divulgamos en redes sociais a presenza e obra dos nosos residentes, aos e ás que realizamos unha pequena sesión fotográfica. Aínda que están concibidas para estadías individuais a soas e con plena autonomía, sempre hai alguén na cidade ao eventual dispor do ou da residente. A Coruña é unha cidade moi segura, confortable, de abranguible escala, vivaz e amigable.

Os e as escritores/as residentes contan coa oportunidade de celebrar unha presentación da súa obra no contexto dunha libraría, club de lectura ou biblioteca da cidade. Isto súmase a encontros –se cadra máis informais– con escritores/as, editoriais, artistas e outros produtores culturais de Galicia e España.

Residencias

  • Residencia “Cidade da Coruña” para Autores/as do Estado español

    Patrocinada polo Concello da Coruña
    (Periodicidade: anual. Inicio: 2021)

  • Residencia Xacobeo para Tradutores/as de Literatura Galega en Residencia

    Patrocinada pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia
    (Periodicidade: anual. Inicio: 2021)

  • Residencia Asturies para Autores/as en asturiano ou galego-asturiano

    Patrocinada pola Dirección Xeral de Política Llingüística do Principáu d’Asturies
    (Periodicidade: anual. Inicio: 2021)

  • Beca Emilia Pardo Bazán de Literatura Gastronómica en Residencia

    Patrocinada pola Editorial especializada Col&Col
    (Periodicidade: anual. Inicio: 2022)

  • Residencia “Latitude 43” para Autores/as do Mundo

    Patrocinada polo Concello da Coruña
    (Periodicidade: anual. Inicio: 2022

  • Intercambio Aodh Ruadh Ó Domhnaill entre poetas galegos e irlandeses en Residencia

    Patrocinado pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia
    (Periodicidade: anual. Inicio: 2022)

Residencias galegas no extranxeiro

Concienciada en favor da Literatura Galega actual, do seu nivel de diversidade e excelencia literaria, da súa ambición creativa, do seu potencial e da súa capacidade de internacionalización, a nosa entidade é á vez consciente das escasas vías públicas ou privadas capaces de impulsala no estranxeiro.

Deste xeito, a Residencia Literaria 1863 non só acolle escritores/as ou tradutores/as no seu centro da Coruña, senón que desenvolve programas ben en intercambio (con países como Xeorxia ou Irlanda) ou ben de proxección internacional da literatura galega: así, xestiona residencias no estranxeiro para autores/as en lingua galega.

Grazas a elas, narradores, dramaturgas e poetas de Galicia teñen profundado na súa obra de creación dende centros situados en países como Islandia, Palestina, Turquía, Croacia, Irlanda, Polonia ou outras zonas de España (como Andalucía).

Todos eles e elas gozaron de tempadas nas que dedicarse por enteiro á súa faceta creativa mentres aumentaban os seus perfís internacionais e ampliaban os horizontes de referencia cultural e vital.

Micro-residencias

Outro dos xeitos de funcionamento da Residencia Literaria 1863 pasa polas Bolsas Personalizadas. Trátase de bolsas á mobilidade en residencia ou especificamente a proxectos en residencia cos que contan as administracións de moitos Estados e territorios do mundo.

Tras a revisión do perfil e traballo do ou da aspirante, extendemos convites oficiais á nosa residencia e apoiamos deste xeito a procura de fondos que o respalden, encamiñada por parte do interesado ante institucións do seu país.

Finalmente, as MICRO-RESIDENCIAS consisten en programas nos que –ademais do que de por sí pon a Residencia Literaria 1863– as autoras e autores costean do seu capital privado boa parte das estadías, a fin de evitar esperas e procesos competitivos. Simplemente reservan as datas e acuden para refuxiarse a escribir.

Aínda que o noso calendario está maioritariamente ocupado coas bolsas en colaboración con entidades, ocasionalmente abrimos datas para este tipo de oportunidades de residencias autofinanciadas, que adoitan durar unha ou dúas semanas.

Entidades colaboradoras

Dende 2019, temos colaborado e establecido bolsas en residencia con entidades como:

Residentes na 1863

Residentes galegos/as no extranxeiro