A escritora e bertsolari Nerea Ibarzabal Salegi (Markina-Xemein, Bizkaia, 1994) chega a Carballo para protagonizar un coloquio improvisado sobre bertsolaritza e regueifa, dúas tradicións irmás que comparten a forza da oralidade, da lingua e da creatividade popular.
Xornalista de formación, Nerea é colaboradora de prensa, escritora e unha das voces máis recoñecidas do bertsolarismo actual. Campioa de Bizkaia e finalista do último campionato nacional, formou parte do colectivo Txakur Gorria, centrado na autoedición e na creación artística colectiva. Publicou a novela Bar Gloria (Susa, 2022; traducida ao castelán por Consonni, 2024) e o libro infantil Jakelinen egunerokoa (Ikas Elkar, 2022).
Nesta sesión de Poldra, explorará o poder da improvisación como ferramenta cultural e social, dialogando coa tradición galega da regueifa, nun encontro aberto, espontáneo e cheo de conexións entre linguas e territorios.
Venres, 7 de novembro · 19.00 h
Escolas Agra de Caldas, Carballo
