13 de agosto, ás 20:00 h
Fundación Eudardo Pondal, Ponteceso
Da poesía de Víctor M. Díez tense dito que é “coma un tremor. Unha escrita cíclica, envolvente, aínda que arraigada na precariedade. Versos que por momentos abrasan”. Entre os seus libros anteriores cómpre destacar títulos como Evaporado va, Oído en tierra, Voz fuera de campo, Ser no representable, Discurso privado, Escrito sonámbulo ou Todo lo zurdo; ademais das antoloxías Todo espera un fuego e Maldito baile obligatorio, por citar algunhas.
A poeta Olvido García Valdés engade nun artigo sobre el: “Poesía sonora, poesía escrita. Unha escena case baleira. Unha voz que brotase dun boneco ou simulacro que mimase discursos, perigos, afectos. Unha voz que andase por dentro, facendo do sentido puro son, raro son, cavernoso e múltiple, sentido evocado, desprazado. Así acontece cando se escoita en escena a Víctor M. Díez, axitador cultural, actor, performer; foi membro do grupo SIN RED; poeta de acción, poeta. A súa poesía escrita transmite unha inquietude parella, igual intensidade”.
